Sobre a violencia…

Con seguridade nestes días temos asistido a diversos debates (maioritariamente mediáticos) nos que tentan convencernos da violencia inherente aos contedores ardendo e aos anacos de pedra voando. E con seguridade teremos feito nosas algunhas palabras nas que aseguramos, efectivamente que asaltar unha tenda non ten nada que ver coa liberdade de expresión, ou que o descontrol non é o que se reivindica. Nalgunha conversa teremos afirmado, máis dunha vez, que non estamos de acordo coa violencia antes de encetar calquera argumento, porque no clima reinante, somos partícipes necesarios de calquera actuación, se previamente non a condenamos. Todo isto sempre adobiado coa torpeza simplona das máis diversas sobreactuacións do que con vehemencia se expresa desde a atalaia da opinión. Así ven sendo, con independencia de que a realidade sexa, case sempre, máis complexa do que o titular nos indica.

Pero tentando escapulirme das máis casposas e cómodas reaccións sen afán de maioritario vou definir o meu particular punto de vista sobre a violencia, contando un caso propio que me fixo reflexionar sobre o que levo escoitando estes días. En realidade algo no que levo reflexionando bastante tempo e que entronca en como se fan os debates e quen é o interesado neles.

Hai un par de tardes recibín unha chamada comercial. Unha das múltiples que asumimos cando cedemos alegremente os nosos datos. Neste caso unha máis da compañía de comunicacións coa que teño contratado os servizos da miña casa. Co gallo de tentar prenderme nalgún aumento de calquera concepto procuraban, xaora, sangrar un pouquechiño máis a miña conta bancaria. A “oferta” dicía algo máis ou menos así (todo isto en castelán, pese aos meus intentos):

Querido Antonio (empregan indistintamente os meus dous nomes), pómonos en contacto con vostede aproveitando que leva moito tempo connosco para ofertarlle unha mellora nos servizos que ten contratados… Con estes tempos de pandemia botamos moito tempo na casa e aumenta a demanda das comunicacións, e tamén co teletraballo…

A experiencia propia por unha banda, o tono e o contido da mensaxe pola outra, acabaron coa pouca paciencia que, polo xeral manteñño cando se trata destas cousas. Loxicamente rexeitei a oferta. E o conto podería acabar aí. Pero xa que falabamos da interpretación da violencia, interpretemos.

Que unha empresa coa que levo contratando servizos de comunicación anos, a cada poucos meses me suba a tarifa, pese a lembrarlles unha e outra vez que subscribiron un compromiso comigo polo que non me ían subir a facturación, sen que ningunha administración se preocupe de supervisalo é violencia. Éo porque pese ao pacto mercantil que supón un contrato, este é quebrantado pola parte máis forte (a empresa) sistematicamente. E a parte máis feble (o cliente individual) non ten como facer valer os dereitos, xa que facelo suporía un gasto xudicial inabordable. E a Administración Pública, que debera velar pola seguridade xurídica do cidadán, está deixando ao mesmo indefenso diante dun abuso evidente.

Que unha empresa oferte un servizo, informando de xeito retorto para que o cliente “morda o anzol” e sirva para que, finalmente, o cliente pague máis ao cabo dun tempo e saia claramente prexudicado enténdese coma unha estratexia comercial. Pero na realidade é un engano. E dubido que sexa perfectamente legal vender un aforro cando a realidade supón un aumento no gasto. É violencia que a parte máis forte, novamente, aproveite a posición de superioridade e a parte máis feble non teña recursos para defenderse ou mesmo para denunciar o abuso que supón todo este tipo de ofertas. A imposibilidade de defensa dun cidadán diante da publicidade enganosa constitúe, tamén, un exercicio de violencia, perpetrado por aquela persoa física ou xurídica que impón o servizo e ten a potestade de suministro e máis sanción no incumprimento, sen árbitro ou xuíz.

E se, chegados aquí, estamos dispostos a seguir coa análise, é violencia desmedida que unha empresa se dirixa a un cidadán tentando facer negocio coa necesidade, no medio e medio dunha pandemia, cando esta ameaza a vida, o emprego, restrinxe o contacto familiar e infecta a vida privada introducindo o teletraballo de xeito obrigado no fogar.

Porque é mentir ofertar unha presunta mellora dos servizos que na práctica representan unha porcentaxe practicamente nula a un prezo que en 3 ou 6 meses se multiplicará por moito máis que o servizo equivalente. Porque é violencia pretender que teletraballar ten que ser unha obriga do operario que na súa casa se ve na necesidade de desenvolver tarefas que corresponden ao ámbito laboral e teña que saír do seu peto a mellora do servizo de comunicación. Porque é violencia vender a necesidade de mercar servizos de entretemento e que estes sirvan para finanzar a quen fornece a plataforma, mentres que as persoas que viven do entretemento se ven, tamén, paralisadas nos seus fogares, sen ingresos mentres contemplan como os detentadores das vendas, seguen a facer negocios coa súa arte sen que as artistas o vexan retribuído na maioría dos casos.

Porque é dunha violencia brutal e descarnada negociar coa desgraza sexa de saúde ou emocional. É violencia que haxa empresas con este tipo de prácticas mentres os Estados miran para outro lado ou directamente descargan o seu poder coactivo fronte a cidadáns que queiman un contedor cando corporacións de diversa índole e ámbito seguen a expremer os recursos públicos, incluídos os petos da cidadanía.

Así que, se chegastes ata aquí, dígovos que non admito que me dean o pensamento mastigado, que me digan como teño que comportarme mentres o que me ofrece as comunicacións aproveita que lle estou comprando o servizo para ademais coaccionar coa programación o modo de pensar. Non. A violencia non é un elemento descontrolado no medio dunha manifa. A violencia é a expropiación. Da forza de traballo, claro, pero tamén do entretemento, do pensamento e desde logo da saúde e do benestar colectivo.

Pasar, pasarían, ou vencíchedes vós, pero se os vixiantes da praia seguen visitando este meu blogue (como fixeron até o de agora) que saiban que polo momento teño claro que isto continúa a ser loita de clases e eu non cambiei de bando.