
A día de hoxe soa moi “cuñado” dicir que xa non hai temporais coma antes, afirmar que daquela chovía, nevaba e ventaba máis e non o anunciaban con tanto bombo. Soster isto así, alén de carecer de razón algunha, significa negar o progreso da ciencia en xeral e da meteoroloxía en particular. Con todo, mellorar a infomación e o acceso ás predicións non remata coa sobreexposición á información e co alarmismo que evolúen xuntos e que, co avance dos tempos, poden chegar moito antes e a moita máis xente.
Con esta realidade en mente, vou contar unha historia moi afastada no tempo que quere servir de contraste entre aquel mundo e o de hoxe co océano de información e melloras que os separan, pese a que, cousas da memoria, parece que foi onte.
Dar contexto a esta historia require situarnos no tempo e describir, aínda que sexa por riba, as condicións xeográficas e das infraestruturas do concello de Mondoñedo. O alumnado dos lugares máis altos e afastados, Tronceda, Estelo, Sasdónigas, San Vicente de Trigás, Figueiras, Santa María Maior ou Lindín, cada vez que a neve facía acto de presenza, quedaba sen ir á clase. Tal era o estado das estradas que os autobuses non podían recollelo. Moitos dos camiños que hoxe posúen unha deficiente capa de asfalto, daquela tiñan o firme de terra e a largura dos mesmos era tal que dificultaban o manexo dun veículo coma un autocar. A lama, a choiva, a neve e o xeo, así como a presenza de árbores caídas, restrinxían o traxecto mesmo ata varios días despois. Os rexistros de entón citan varios invernos ben máis fríos cós de hogano; especialmente algúns días con temperaturas moi baixas, que se podían prolongar semanas.
O meu relato comeza hai case corenta anos: unha ducia de escolares da parroquia de Oirán asistiamos ao colexio público de Mondoñedo. Un autobús, con máis anos que metros de longo, levábanos polas corredoiras de entón empregando no percorrido por veces máis dunha hora. Entre as nosas casas e o centro educativo sepárannos 14 km, porén a ruta incluía 3 lugares máis (A Ferrería, Coubeira e A Campá) que a ampliaban a distancia ata os 23 km (segundo puiden comprobar hai pouco, nun automóbil actual, aínda supón case 40 minutos e isto pese a que unha das estradas ampliouse en 1990)
Aquela mañá ía frío. A bordo do vello SEAT da casa agardando polo bus, observaba como no parabrisas, de cando en vez, algunha folerpa (felepa como lle chamamos pola zona) derretía maina polo medio da choiva ao chocar co vidro. Supoño que a esperanza de ver neve, ese vínculo indestrutible co territorio que sigue asombrándome aínda hoxe, excitárame a tal punto que, probablemente, vía algo onde nin habería. Aínda así, ao ir alborexando o día, durante o percorrido, contemplamos con marabilla algunhas folerpiñas a caeren polo medio da choiva nos apagados eidos invernais. Lembro os gritos de emoción que, con todo, foron disipándose ao chegarmos. Unha raiola de sol centellou por entre os nubeiros escuros, deixando unha regaña de ceo azul e con el morreu a tépeda emoción que naquela viaxe nos enchera.
As clases, como de cotío, transcorreron entre as sempiternas operacións de aritmética, a clasificación de palabras ou a distribución dos ríos que tocase, sempre coa guía da mestra Fina Leiras. Era o meu 5º curso da EXB. O primeiro paso para “facerse maior”. No curso seguinte, 6º, cambiabas de edificio e con el tocaba facer turnos para “servir as mesas” no xantar. A distribución organizada daquela no colexio impuña que, como primeiro paso para o troco, o alumnado de 5º, durante o recreo, tiña que “pór as mesas”, distribuir garfos, pratos e vasos no comedor para logo sentar os case 300 escolares que comiamos alí a diario.
Pero, contra as once da mañá converxeu sobre o val de Mondoñedo unha negrísima nube que agochou o Padornelo e comezou a arroiar, primeiro, auga en grosas pingas que, ao momento se converteu en sarabia. En cousa de minutos xa caían grosas e mestas folerpas. Contra as fiestras e nos tellados impúxose o silencio, un silencio contrastado coa contemplación extasiada de moitas de nós que botamos a mañá cos ollos na fiestra, obviando as reiteradas chamadas de atención do profesorado. Era tal a cantidade de neve que estaba a caer que no momento de baixarmos pór as mesas aínda se vían as pozas e as rodeiras dos coches; porén, cando rematamos todo era un cobertor branco que embazou os cristais e pegou as cabezas da rapazada nun vano intento de tocar coa ollada o que a dirección do colexio negaba ás mans.
Menos dunha hora despois os autobuses estacionaban no colexio. As ordes de devolver a cada un á súa casa, antes do temporal ir a peor, impuxeron retirada de todas nós ao mediodía. Silandeiro e marcado pola friaxe, Mondoñedo recibía mainamente o inverno caíndo cunha densidade que mesmo os condutores conversaban lenemente nerviosos e fretando as mans nun intento imposible de queceren co bafo que escapaba das súas bocas. En pouco tempo, acomodados e sobreexcitados por aquel temporal sobrevido, coa emoción depositada en cada ollo, en cada sorriso, viaxabamos cara ás nosas casas coa esperanza de xogar coa neve, de deslizarnos nela en sacos de plástico para os que buscabamos de memoria lugares costentos onde levalo a cabo…
O condutor guiaba aquel autocar, intúo a día de hoxe que coa tensión que eu mesmo levaría nunha circunstancia semellante: nevando de continuo, sen máquinas quitaneves, nunha estrada estreita, virada e chea de baches, sen rodas nin cadeas axeitadas para tal circunstancia. O motor zoaba intensamente baixo aquela capota que entraba dentro do propio habitáculo separando o espazo de condución do dos viaxeiros e roñaba con furia a cada cambio de marcha. Con todo, nin sequera o deficiente sistema de calefación refreaba o riso da rapazada que, coa lentitude imposta pola nevarada, afrontaba a costaneira estrada desde Coubeira ata a Campá.
Para quen non coñeza a zona, direi que a Campá é a última aldea de Mondoñedo pola estrada que comunica a vella capital provincial con Alfoz, O Valadouro e Viveiro. Semioculta entre outeiros non se alza moito por riba dos 200 metros sobre o nivel do mar. Pero hai que poñerse no momento, na bacheada e curviliña vía que malamente se distinguía por baixo das rodas. Entón o condutor alcanzou as últimas casas onde tiña parada e comprobando que por diante había un pesado manto branco onde non atinaba a distinguirse a beiravía do asfalto, decidiu parar.
Non son quen de lembrar canto tempo reflexionou, nin canto tempo botou connosco. Non teño memoria para as palabras exactas que empregou. Lembro, iso si, que nos pediu con certa vehemencia que estivesemos quietos e que nos portásemos ben. Que deberiamos estar no bus un tempo mentres el ía na procura de axuda. Que non baixásemos nin tocásemos nada dentro. Faría, supoño, algunha referencia a retornar pronto. A continuación marchou e deixou unha ducia de escolares entre 8 e 13 anos, sentados nun bus, sós, no medio dunha nevarada mentres el saía na procura de axuda para levarnos de volta á casa.
Non sei canto tivo que andar pola neve o condutor para dar aviso de onde estabamos atrancados. Tampouco lembro se procurou algunha das casas que tiñan teléfono e chamou a algún dos 3 públicos da nosa parroquia ou se pediu a alguén que o levase para dar o aviso en persoa. O que si sei é que pasaron horas ata que un vello Land Rover curto da empresa dos irmáns Montero, sita na propia parroquia de nós, chegou polo medio e medio da nevarada para rescatarnos. Pilotaba Teodoro, traballador da empresa e responsable do coche, e acompañábao meu pai, Ramón de Romualdo, aventurándose na procura das fillas e fillos atrapados nun pequeno autobús escolar. Amoreándonos uns no colo doutras, entre o cheiro a gasolina das motoserras e un par de machadas, lograron estibar toda a rapazada. En total 12 e máis a parella de rescate dentro do todo terreo que nos conduciu sans, famentos e sen arrefriarmos moito, ás nosas casas.
Se alguén máis novo le isto hoxe ou no futuro, preguntarase, tal vez, que foi da xeolocalización, das balizas, dos sistemas de aviso que levan a maioría dos veículos actuais. Preguntará, se cadra, como non se fixo unha chamada co móbil, como non emitiu un sinal de emerxencia ou mandou unha localización. Razoará como, habendo casas arredor, non se acercou a calquera delas para dar aviso. Unha persoa nacida despois da década de 1990, estrañarase de como se puideron ter deixado nenos e nenas tan novos, así, sen acompañante, sen tutela, sen ninguén que mirase por eles. Se calquera persoa de hoxe en día mirase por un buratiño a escena, atoparíase, sorprendido coa capacidade de matar o tempo que tivemos, simplemente, falando entre nós, xogando a xogos de palabras, contemplando a neve da outra beira do cristal que, embafado, cada pouco había que limpar coas mangas para continuar na contemplación do silandeiro temporal.
A realidade de entón, sen deixar caer nin unha soa bágoa de nostalxia, impónse con máis contundencia ca este relato. A práctica totalidade das casas das aldeas non tiñan teléfono. Os primeiros aparellos chegaron por aqueles anos ás tabernas e algúns lugares abertos ao público mediante un tendido de fío que permaneceu durante anos inalterable e do que non se fixo esforzo ningún para estendelo. Tardamos 7 longos anos aínda en termos un teléfono fixo na casa, cunha tecnoloxía sen fíos que tardaba en establecer conexión e fallaba con frecuencia. Houbo que agardar a 2024 (si, a 2024!) e grazas á iniciativa veciñal, para termos fío e conexión a internet. Sigue, a día de hoxe, 2026, sen haber unha correcta cobertura de móbil en moitas aldeas e o tráfico de datos é deficiente.
Van aló case 40 anos disto. Na aldea que nos criou hai varios anos que non se rexistra un nacemento. A media de idade supera os 60 anos e por aquela estrada case non volveu nevar en todo este tempo. A maioría da rapazada de entón vivimos fóra de Oirán, en edificios ou urbanizacións onde non sabemos quen é o veciño da porta de enfronte. Moitas de nós seguimos sen entender como os avisos por temporal non serven para suspender as actividades fóra e preguntámonos como aínda pode haber quen mantén aldeas e lugares con infraestruturas deficientes e as persoas maiores sen atención. Sobre todo porque son máis febles que a cativada de entón. As pistas e accesos están nun estado lamentable e nalgunha malamente cabe unha ambulancia. A cobertura de móbil vai e vén coma o río aquel do que nos falaba a mestra Fina Leiras e procurámola en lugares por veces avesíos, onde un rebote dunha onda nos outorga a posibilidade de facer un pagamento. Durante décadas as nosas casas aportaron ao mercado de traballo xente e recursos e agora preguntámonos por que unha parte diso non serve para prestar axuda ás persoas que quedan, cando menos ás que menos poden, as maiores. Persoas que son as derradeiras ocupantes e as coidadoras de moitas zonas do rural galego, habitando o baleiro, como propón Brais Lorenzo1 no seu magnífico proxecto.
Hai case 40 anos a solidariedade e o apoio mutuo rescataron da neve a ducia xusta de nenas e nenos que viñan de volta para a casa. Cando preguntaban aos liquidadores de Chernóbil como se atreveron a entrar naquel entorno e enfrontar a radiación, moitos respondían: Había que facelo e fíxose. Do mesmo xeito aconteceu aquel día, porque era algo que, de acordo co funcionamento da comunidade que aprendera case toda a veciñanza, non é preciso argumentar. Faise. A mesma solidariedade que leva a tantas veciñas e veciños da mesma parroquia, hoxe, a presentarse voluntariamente na túa casa cando o teu pai perde inexorable a súa esencia, para ofrecerche os aparellos de atención xeriátrica que posúen porque eles tamén padeceron esa perda. Non piden nada a cambio. Ofrecen. O que poden e como saben. Como fixeron sempre. Como rescatar nenos na neve, carretar herba para ensilar ou, unhas décadas antes, axudaren nas mallas. Sóbralles tanta afouteza, tanta vontade, tanta solidariedade como faltos dela andan os detentadores do poder público, sexa cal sexa o nivel.
Agora, mentres desposúen os servizos sanitarios, privatizan a educación e abandonan as persoas maiores; as mesmas que desde a nada máis insignificante mantiveron e manteñen o que somos como pobo e que merecen a honra, a homenaxe e unha vellez digna. Agora, cómpre a deferencia de retornarlles, cando menos, o valor do compromiso que mostraron cando todo se revirou. Claro que non se trata de poñer altares, nin adoracións místicas (que hai quen as procura, xaora) igualmente baleiras de contido. Non. Trátase de ocuparse deles. De tratalos e concederlles os servizos que, por todo o que teñen dado, merecen. Evoluír, progresar é tomar conta do que foi, do que aconteceu e tentar melloralo no presente, non ter a sensación de que, se non é a neve, será outra cousa, pero que sigue a haber unha parte do País galego abandonada e que non merece unha nevarada sen teléfono, verse rodeados polo lume forestal ou que alguén se perda no monte porque carece de dispositivos xeolocalizadores que dispensen a atención oportuna e necesaria. A comparación neste caso non é odiosa, faise imprescindible.
1Habitar o baleiro (https://habitarobaleiro.gal/), proxecto e exposición itinerante sobre o estado do rural galego a cargo do fotógrafo Brais Lorenzo
