Bohemian Rhapsody ou a pequena épica do Rock.

Para aquelas que andamos no entorno da corentena, falarnos de Freddie Mercury trae consigo unha picada agridoce a medio camiño entre a nostalxia e a iconoclasia de sabernos perdedores da posmodernidade. Pero, en defensa da liña curva, diremos que herdamos algúns restos do glam rock e con Queen non chegamos a ver como o desgaste do tempo facía diluirse a súa lenda nos escenarios nun mundo televisivo que Freddie xa catara moi a contragusto a fins dos setenta. Ben poderiamos argumentar que xa o avisaran The Clash e os Sex Pistols, e con todo, seguiron surfeando na onda, a medio camiño entre o exceso consentido e un puritanismo atroz que quixo coarse por entre as múltiples acusacións que Mercury experimentou en carne viva.

No filme hai concesións escénicas e de método que puideran dar sensación de superficialidade do personaxe, deixándose levar ás veces pola matriz estética, fronte a dimensión humana dun momento vital moito máis complexo do que reloce no filme. E tamén algunha que outra trampa temporal, que se converte en mentira bastante atroz para dramatizar o momento no que Freddie anuncia a súa enfermidade (declarada en realidade anos despois do que aparece no filme). Aínda que lla perdoamos a medias porque a cousa vai camiño do desenlace e de algunha maneira hai que fechar un climax que, sen dúbidas, é a mellor escena de toda a metraxe.

Amais dun biopic ao uso, con boa intención e algún parecido moito máis que razoable, a longametraxe móstrase correcta: O personaxe de Brian May, interpretado por Gwilym Lee, fisicamente impresiona e Rami Malek no papel de Mercury consegue mesturarse con el sen estereotipalo en exceso… e sen arruinar a verdadeira dimensión do mesmo. As sensacións acumúlanse por momentos e un, que ten visionado algún video-rareza de vellos concertos de Queen, coma o Live Killers en Canadá, non pode máis que sentir un arreguizo no lombo cando ve un xuvenil Mercury ataviado con pantalóns, zamarra e gorra de coiro que, hoxe, cousas da publicidade, asociamos moito máis a Village People.

Se nos cinguimos unicamente á parte estética, Bohemian Rhapsody é pouco máis que un musical. Porén, se non obviamos a compoñente emocional, o filme bate fondo, traéndonos a unha mocidade de volta onde as cintas de casete pasando de man en man eran os medios para escoitarmos as tendencias do Rock nunha época onde mesmo as cadeas musicais non se escoitaban acotío. A escolla dos temas leva aparellada unha importante carga sentimental onde a memoria xoga a mesturalos coa moitedume de lembranzas que levan apararelladas. Concedéselle unha temporalidade que, en certo modo, parécese a concertos tan míticos coma o de Wembley en 1986, aquel que todo o mundo agardaría e que, precisamente, non aparece no filme.

Con todo, teño que dicir que a película emocionoume moitísimo. O remate é apoteósico, ao nivel de calquera dos concertos que Queen protagonizou durante a segunda parte da década de 1980, onde a madurez do grupo e a altura escénica de Mercury produciu, se cadra, un dos máis grandes fenómenos musicais do século XX. Os movementos do cantante, esa forma tan inmensa de ocupar o escenario, represéntase tan ben que, aos que mantiñamos unha lembranza borrosa do concerto en TV, parécenos estar de volta con 10 anos, pegados á pantalla, seguindo un LIVE AID do que vinte anos despois, soubemos que non valeu para practicamente nada. E agora, que descremos moito da grande patria do rock and roll, observamos que as únicas certezas son os buratos económicos deses concertos e a maldita memoria que nos fai quedarnos, tan só, coa inmensidade de Mercury, reinando en cada espectáculo, con voz e corpo. Á fin, é do que se trata, de ver un concerto dun dos grandes grupos do Rock. Ou polo menos a min sempre mo pareceron…

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s