Agricultura (in)sostible

Recoñezo que hai anos eu tamén pensaba así: “os químicos na agricultura son o MAL”. Con maiúsculos, sen disimulo nin matices.

Co tempo un decátase de que o malo das posicións absolutas é que a ignorancia e o esencialismo acrítico campan a partes iguais, roubándolle ao debate moitos dos flocos que lle dan capacidade de matizalo, amplialo, melloralo.

No mundo rural estas posicións veñen manifestándose a medida que persoas que non padeceron as épocas fracas, asumen que a modernidade provocou a perda de certas esencias (consideradas positivas) que van desde sabores até os saberes populares. Manexadas por unha ausencia de historia de nós nin casual nin inocente, danse por boas interpretacións relativas a agricultura que unha simple ollada crítica revelaría como carentes de todo tipo de veracidade. Así, asistimos a consensos amplísimos sobre variedades “da casa” plantadas cada ano despois de térense mercado no viveiro que temos máis perto, ou no mercado de a carón. E argumentamos pensando que teremos eses tomates “de toda a vida”, cando en realidade traemos variedades anairis ou beef, híbridas, seleccionadas á medida da casa comercial de turno interesada en, poñamos, que dure moito, que teña pel e corpo resistente aos golpes (para os supermercados) ou que acade a maduración poscolleita con facilidade.

Hai que recoñecer tamén que, canto máis distantes se sitúan as posturas a favor e en contra, máis bruscos son os trocos de bando. Mesmo coñecemos casos de persoas abertamente liberais que, na intimidade, teñen tentado convencerme de que as multinacionais fan grandes esforzos por intoxicarnos co glifosato ou provocarnos cancro cos transxénicos. Como salientables son as posturas dos que defenden agricultura caseira e popular e non reparan en aplicar todo tipo de produtos para sosteren de producións hortícolas que doutro xeito non se lograrían.

Logo están os postulados “ideolóxicos”. Defendidos por persoas que se sitúan (a si mesmas) nun entorno político de esquerda, agrávanse ao crérense informadas e polo tanto á marxe de confusións e posturas difusas, cando non temerarias.

Non hai moitos días batín cunha destas persoas. “No meu invernadoiro non entran químicos” dixo a modo de saúdo e ao pouco remachou: “é unha postura case que ideolóxica”. Ao pouco de entrar no invernadoiro, no pescozo notei a incómoda sensación que provocan os trips (Frankliniella occidentalis). E sen darme tempo a moito máis, vin os primeiros pousados nunha flor de pemento a carón da entrada. Erguendo a vista un chisco comprobei con horror como a maioría das plantas morrían pola virose do TSWV (Virus do bronceado do tomate), transmitida, precisamente, polos trips. Na outra metade da parcela, adicada a tomate, TSWV e fungos do tipo Oídio cubrían a maioría das follas, pondo en risco a totalidade da produción.

Diplomaticamente, tentei explicar que a virose non tiña cura e que, cando menos o pemento debera arrincalo para evitar a propagación da patoloxía. E tamén recomendei que diante da afectación fúnxica no tomate, debera efectuar un tratamento para evitar a defoliación e polo tanto a perda do cultivo. “Búscame unha solución ECO” díxome “nesta casa estamos en contra das cousas que envelenan o ambiente” continuou.

A cuestión non é se existe ou non tratamento “eco” para estes males. Desde hai anos veño empregando a loita biolóxica contra certos patóxenos nos cultivos con resultados espectaculares. E non o fago porque sexa un convencido ecoagricultor, senón porque teño constatado que usada de xeito racional, evita un mal moi estendido na agricultura: As resistencias. O abuso das sustancias fitosanitarias, en xeral, a aplicación sistemática e sen criterio técnico algún desde a súa aparición, tenme provocado máis dun crebacabezas á hora de tentar combater pragas e enfermidades. A loita con parasitoides, con inimigos naturais ou produtos derivados de elementos presentes na natureza, empregados coas doses axeitadas, manexados nas condicións óptimas, téñense revelado moi eficaces contra pragas de diverso tipo. Pero aplicalos require moito máis coñecemento científico do que adoitamos cando, con toda comodidade nos diriximos á tenda e mercamos o cobre para botarllo ás patacas porque vén a néboa. Para usar ben a loita biolóxica convén coñecer as condicións do cultivo, do patóxeno, os parámetros de temperatura e humidade, insolación e estado vexetativo, así como o coñecemento do organismo a empregar. E probablemente non funcionará se a patoloxía ten un grao de ataque elevado.

Cando un patóxeno comezou a facer dano a un cultivo, de querer atallalo con elementos de control biolóxico, probablemente vaiamos tarde. E os seus efectos non se noten. Sobre todo se aparecen efectos secundarios como puideran ser as viroses transmitidas pola infestación dos trips. Neste momento de pouco serve aplicar produtos eco (ou doutros, pois non existen ferramentas que corrixan unha virose nun cultivo. Probablemente a ferramenta de control máis eficaz sexa eliminar a materia vexetal do invernadoiro, queimala, desinfectar e desinsectar a conciencia (químicamente, claro), empregar sistemas de contención da fauna que entra do exterior, e rezar a San Cálculo de probabilidades para que a poboación resistente no interior non teña entidade suficiente antes da instalación dos organismos de control, permtindo os efectos positivos. E se non conseguimos os efectos agardados, probablemente non quede máis remedio que recorrer a situacións moito máis drásticas, incluíndo os tan temidos “químicos”

Noutro momento da miña vida tería, probablemente discutido argumentos así. A día de hoxe o que o corpo pide é recomendar: “Pon a ideoloxía na porta, a ver se os parasitos non entran” E non o fas, porque confías na vontade, aínda que o pesimismo da razón acumulada che diga que contra a ideoloxía, Marx só tiña unha receita.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s